Imprimir esta páxina

Xesús Alonso Montero en Radio Xallas "Filgueira é un capítulo extraordinario da cultura galega"

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero reivindica con firmeza a figura de Xosé Filgueira Valverde. Non “acaba de comprender” o tratamento que se lle da a este “capítulo extraordinario da cultura galega”.

“Filgueira bateu coa treboada do ano 36 e tivo que tomar actitudes que non sempre foron ben interpretadas” apuntou o egrexio profesor nunha conversa no programa “Na Encrucillada” de Radio Xallas e Fórmula Fun.

Filgueira, tratado con ignorancia e sectarismo

Alonso Montero espera que un libro que escribiu sobre este intelectual e que vai a saír a luz en Edicións Xerais, permita clarexar dúbidas e que “se perdan os elementos de ignorancia ou o sectarismo e o fanatismo co que xulgan a Filgueira”.

Sobre a figura do homenaxeado co Día das Letras Galegas apuntou:“Hai figuras que quedaron atrapadas dentro do esquema franquista como Vicente Risco ou o falanxista Álvaro Cunqueiro ou Francisco Herrera pero ningún deles suscitou a polémica de Filgueira”.

 “Filgueira está lonxe de ser un fascista”

Para Xesús Alonso Montero, Xosé Filgueira “está lonxe de ser un fascista”: “Foi alcalde, procurador a cortes e catedrático no franquismo pero non franquista”.

“Foi sempre un obreiro da causa galega como dixo o mártir Alexandre Bóveda” comentou Alonso, que define a Filgueira como “o noso último polígrafo” e “unha figura que se da poucas veces na historia dun país”.

Lembrou episodios destacados como nunha visita do autor pontevedrés a Alemania “foi recibido como un Deus da filoloxía medieval”. Sobre este autor falou o presidente da Real Academia Galega no Instituto Terra de Xallas de Santa Comba. Despois, e acompañado pola escritora Carmen Blanco Ramos, visitou as instalacións de Radio Xallas.

 

Noticia tomada da web Adiante Galicia. Ligazón ó artigo.