Filgueira coñecía como ninguén o Románico e o Barroco composteláns, a cultura europea, o mundo das peregrinacións, foi un dos máis grandes protectores dos Camiños de Santiago, tiña un fondo coñecemento sobre todo o relacionado coas cantigas medievais. Foi unha figura tan xigante da cultura galega porque tiña unha grande cultura hispánica. Un libro paradigmático, o mellor libro de Historia da Literatura Comparada antes do 1936, foi a publicación da súa tese de doutoramento polo Eco Compostelano, precisamente en 1936.
Non todos teñen a sorte de nacer na casa de Paio Gómez Charino. Filgueira foi un gran medievalista.
Na súa formación destaca a influencia da figura do seu pai, o lembrado médico, D. Xosé María Filgueira Martínez.
Antes dos 20 anos publica moito e en revistas científicas con temas relixiosos e da Igrexa Católica. Para el o feito relixioso católico é algo radical, algo que ten que ver con raíz. O catolicismo é fundamental para entender a Filgueira e a súa familia. En 1938 casa con Mª Teresa Iglesias de Oscáriz, muller de forte impronta católica. Quedan ben caracterizados porque eles buscan a salvación que supón facer o ben na comunidade onde viven.
Os textos de Afonso X e colaboradores van nesa dirección, as 420 cantigas de Afonso X, que tan ben coñecía Filgueira teñen unha mentalidade medieval, que aspira á salvación. A Cantiga CIII (s. XIII) é unha cantiga de tipo relixioso. Que tipo de gozo experimentan os benaventurados que van ao Ceo? O monxe pídelle á Virxe un esbozo dese gozo. As cantigas non son obra exclusiva de Afonso X, senón dun obradoiro, dun colectivo coordinado polo Rei Sabio. O monxe oe cantar unha paxarinha, un canto tan extraordinario que dura un instante, pasaran trescentos anos. As cantigas converten Armenteira nun centro de actividades filgueirianas. Ese tratado de Historia Comparada que constitúe a súa tese de doutoramento é defendida en 1935 e publicada en 1936.
O 23/01/1923, cando tiña 16 anos publica un artigo sobre Xelmírez en Renovación. Ben pronto tamén pronunciaría unha conferencia en galego sobre S. Pío V. E sendo aínda moi novo publica 4 artigos sobre traballos de investigación sobre textos medievais na importante revista Nós